domingo, 28 de abril de 2019

Esta semana escoitamos ... POESÍA

E por que non completarmos o repaso da poesía máis actual con algunhas propostas musicais? Velaí vai unha miniselección!

Primeira proposta: María Lado e Lucía Aldao.
Estas dúas irreverentes poetas percorren o país co seu espectáculo. María Lado pertenceu ao Batallón Literario da Costa da Morte. En solitario ten publicados varios libros, como Nove, en Edicións Fervenza ou  o premiado oso, mamá, si?, do 2015. Lucía Aldao , poeta desde a adolescencia, deu a coñecer a súa obra a través dos seus concertos e espectáculos. No 2018 publica o seu primeiro poemario en Apiario, Todo isto antes era noite.

Segunda proposta: Daniel Salgado na voz de Fanny & Alexander.
Daniel Salgado é un valorado e premiado poeta actual (Premio Esquío, Premio Uxío Novoneyra, Premio Gonzalo López Abente). Ademais ten participado en proxectos que unen poesía e música como DAS KAPITAL ou VIETCONG, o seu último proxecto iniciado no 2018.

E terceira proposta: Estívaliz Espinosa.
Esta innovadora poeta mestura voz, ciencia, música e poesía. Orixinal, intuitiva, culta, arriscada... así é a proposta desta premaida poeta: Premio Esquío no 1999 por Pan (libro de ler e desler), Premio Espiral Maior no 2001 por número e ou Premio Afundación no 2017 por As neuronas irmás. No seu fermoso e interesante blog podedes achegarvos ao seu quefacer creativo.






 

Ningún comentario:

Publicar un comentario