domingo, 2 de decembro de 2018

Esta semana escoitamos... OS DIPLOMÁTICOS DE MONTE ALTO

Sen Xurxo Souto e os Diplomáticos de Monte Alto a música galega non sería o que é.
Iniciábase a década dos 90 e o punk, o rock e o folk fusionáronse nunha Arroutada pangalaica.
Nacía o rock bravú.


Detrás deles, ducias de grupos por todo o país, cancións que se converteron en himnos xeracionais, colaboracións no Xabarín Club... unha enxurrada de paixón a rebentar no peito!

Antes dos anuncios de Gadis, xa os Diplomáticos lle viran a graza aos "repunantiños" e nos fixeron sentir orgullos@s do noso.
O seu proxecto atravesou fronteiras e as colaboracións con outros músicos estatais e/ou europeos eran frecuentes. A min gústame especialmente esta colaboración con Mercedes Peón: "Nordés".


Xurxo Souto abandona o grupo no 2001, que finalmente desaparece no 2005. Algúns dos seus álbums pódense escoitar enteiros en internet, como Capetón ou o EP Fumareu.

Unha das mellores definicións dos Diplomáticos deuna Suso de Toro: " Os Diplomáticos do estado de Monte-Alto, unha nación ó pé dun faro, rachan a pana e cantan con ritmo e voz rabuda... Frenética harmonía, rimos feroces, guitarras apuradas e corazóns veloces. Rabudos cascarilleiros, músicos de silveira, galopíns barulleiros, feeling de periferia..."

Ningún comentario:

Publicar un comentario