venres, 28 de xuño de 2019

1º Bacharelato/ Consellos para setembro.

                                                                         Yolanda Varela


O exame de setembro de lingua galega recompila todos os contidos desenvoltos durante o curso. Estes contidos pódense estruturar en tres bloques:
1. Historia da lingua e da literatura.
2. Análise dun texto.
3. Gramática.

A primeira parte é máis teórica. Os contidos sobre a mesma está no libro de texto (lembra que o tedes en Moodle) e mais nos apuntamentos dados na clase. Se pensas que os teus apuntamentos non son bos, procura conseguir os doutra compañeira ou compañeiro que os teña ben. Lembra que de todos estes contidos temos esquemas corrixidos.
Non se trata de memorizares páxinas e páxinas. Debes entender e relacionar o que estudes. Para isto eu aconséllote:
• Elabora unha listaxe dos conceptos e terminoloxía específica de cada tema. Cómpre que asimiles o seu significado e que te esforces en empregar este léxico nos teus textos (sínteses, composicións…).
• Relaciona os contidos. Non é posible entender a literatura medieval sen comprendermos a historia da nosa lingua neses séculos ou as súas características sociolingüísticas.
• Elabora esquemas cos contidos das diferentes unidades. Procura sintetizar ben a información. Aproveita os esquemas para relacionares contidos e emprega na súa elaboración  terminoloxía específica.
· Elabora unha liña cronoloxíca da historia da lingua e da literatura. Estuda as características, xéneros e autores/as de cada etapa. Procura entender a súa evolución. 

Respecto da segunda e terceira parte, lembra que a análise dun texto non é posible sen a súa comprensión. Debes saber que quere expresar exactamente o autor ou autora dese texto e entender todo o vocabulario nel empregado. Se tes problemas neste apartado da materia, estes consellos poden axudarte:
• Le diferentes tipos de texto todos os días. Non esquezas os artigos de opinión. No Moodle  tes ligazóns a tres páxinas nas que podes atopar unha gran variedade textual.
• Realiza unha lectura consciente. Entendes o significado de todas as palabras? Fai as túas propias prácticas. Busca no texto palabras cuxa comprensión che resulte difícil. Intenta definilas tendo sempre en conta o contexto textual e mais a categoría gramatical. Cotexa a túa definición coa do dicionario.
• Estuda a estrutura do texto. Cal é a idea principal de cada unha desas partes?
• Repara nos parágrafos. Cales son as ideas principais?
• Ten presente que o que se avalía é exactamente o que escribes. Cómpre que a túa expresión sexa clara e precisa. Préstalle especial atención á puntuación.
• Podes pedirlle a algunha persoa con boa competencia na comprensión e expresión escritas que revise os teus traballos sobre os textos.
• Revisa a túa ortografía e traballa coas faltas.


Para a parte de gramática é imprescindible que aprendas a identificar e comentar as diferentes categorías gramaticais.
• Elabora unha listaxe das categorías gramaticais vistas este curso. Aprende a identificalas.
Estuda as súas clasificacións.
• Revisa cales son os aspectos que se deben comentar de cada categoría.
• Non esquezas empregar terminoloxía específica.

No curso Moodle tes recursos para reforzar contidos, tanto gramaticais como literarios e/ou sociolingüísticos. Practica con eles.

Vémonos en setembro. Compaxina estudo e lecer e bo verán.

Ningún comentario:

Publicar un comentario